Castrapo xacobeo (A voo de tecla, 14/04/2010)

O viaxeiro que chega ao aeroporto de Alvedro vese sorprendido por uns anuncios a cantaren as marabillas galegas con motivo do Ano Xacobeo. Seguindo o modelo trilingüista, tales anuncios están escritos en castelán, inglés e galego; e a sorpresa vén cando o viaxeiro é capaz de expresarse neses tres idiomas e dá en ler e comparar.
A versión galega conta con flores gramaticais coma “porque nolo merecemos” evidentemente tomado de “ porque nos lo merecemos” en castelán. Choca o erro, indicio de que o autor da tradución non segue o espírito da lingua, pois, se o seguise, tería en conta que o verbo merecer nunca é reflexivo en galego. Choca tanto como se na versión inglesa aparecese “because we deserve it ourselves”.
A verdade é que os tradutores automáticos son moi práticos, que sacan moito choio; mais non todo. E tamén é verdade que, feita a proba cun deles moi popular, non cae na trampa. Ou sexa, que este erro xacobeo é humano, debido á colonización mental ou á mala intención dalgún artista gráfico. E a pregunta a seguir é: se a frase fose “porque te lo mereces”, ¿como sería a castrapada? ¿“Porque to mereces” ou “porque cho mereces”?
Os casteláns teñen vicio de pronominalizaren verbos (e os madrileños abusan: “te lo bajas, os lo estudiais, se lo leen…”) mentres os galegos foxen desa teima. Un bo xeito para destruír un idioma é asimilalo a outro próximo; o cal fai pór en dúbida as intencións dos deseñadores da campaña: quizais sexan máis xacobinos sibilinos ca xacobeos ignorantes.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/04/2010]

Share

One Comment

  1. Se Moncho

    Da-me a impressom de que estes textos fôrom escritos inicialmente em galego (ILG-RAG) mas que depois fôrom deformados por um tradutor automático castelhano->galego, com o qual se conseguem cousas tam estranhas como:
    “Ou viaxeiro”, “que ou verbo”, “vos tradutores automáticos son moi prácticos”, “Vos casteláns teñen” etc.

    Suspeito que o problema vem de obter o artigo da versom em galego da Coz. (http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/04/14/0003_8416724.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz&idioma=galego)
    Em vez de usar o artigo original que está em:
    (http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/04/14/0003_8416724.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz)

Comments are closed.