Lambda por efe (A voo de tecla, 01/04/2010)

O profesor comeza o curso cos símbolos dunha ecuación fundamental do electromagnetismo, “Ce igual a lambda por efe”. E desde esa fórmula deriva ata acusar os inimigos das “antenas” da telefonía móbil de ignoraren a relación entre lonxitude de onda e tamaño da estrutura física radiada.
Os alumnos atenden e logo xorde a discusión. De aí, unha boa relación persoal. Durante meses, discurso do profesor e intervencións dos rapaces levan ás pedanterías da telemática: banda base dixital, medio confinado, dobre multiplexación, modems asimétricos, modulación en cuadratura, espectro expandido, circuítos virtuais, elipsoide de Fresnel, criterio de Nyquist, fibras monomodo, mostraxe, ruído de ponderación…
As leccións son en galego, nas discusións intervense ás veces en castelán. Hai unha interveniente que tenta un galego nada doado para ela, porque é “a polaca do Erasmus”.
Por fin vén o exame, con preguntas en galego; e chegan as revisións e as cualificacións definitivas. Anímanse as derradeiras conversas. A polaca aparécelle ao profesor –narrador en horas tiradas ao sono– cunha novela para que lla asine e agradécelle o “moito de España” que aprendeu con el. Tamén se vén despedir outra foránea, de Valencia de Alcántara. Deixa claro que “los gallegos teneis el portugués chupao” e conta que na súa Estremadura fronteiriza se prima a aprendizaxe da lingua de Camões…
En todos os cursos os profesores reciben leccións dos alumnos. Pena que certos monolingüistas non dean aulas na universidade.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/04/2010]

Share