Cuba como Canarias (A voo de tecla, 23/03/2010)

Oleiros, concello idólatra. Á entrada, a figura do Ché estilizada. Sobrepásana dous amigos a falaren de Cuba, parte esencial das súas vidas, porque son dunha aldea de “cubanos” e aprenderon a ler na escola incautada polo franquismo a unha “sociedade de instrución” de veciños liberais emigrados á Habana.
Falan da cantidade de galegos e fillos de galegos que contribuíron ao movemento 26J, que apoiaron aos irmáns Castro (“o Galo –Fidel– e o Pitiño –Raúl– de Birán”, segundo un vello revolucionario da aldea, desenganado e retornado). Eses galegos axudaron con diñeiro, con accións de enlace e propaganda, pondo bombas das que deixaban A Habana e Santiago ás escuras; e morrendo, ás veces con sorte, só dun tiro, e ás veces logo de torturas bestiais a mans do Ventura Novo ou do Masferrer.
Ninguén fala de tanto sangue galego, pequenoburgués, que se verteu na esperanza de liberdade frustrada pola traizón comunista dos Castro. Estes amigos, si; e
un conta o que lles dixo hai pouco na Habana a varios peixes gordos: “Se queredes saír do lameiro, pedide ser de novo rexión española autónoma. Volvamos a 1898, pero na Unión Europea: seriades ultraperiféricos subvencionados coma os canarios. Arranxariades o país por conta de Europa e, daquela, independencia… sen Martí nin Fidel nin o Ché”.
Seica se atreveu a dicilo logo de moito ron nocturno. A súa sorpresa foi que un dos xerifaltes que o escoitara á mañá seguinte chamouno para preguntarlle “se habería maneira de tentear a cousa en Bruxelas”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 23/03/2010]

Share