¡Descruce las piernas!

Cidade galega, marítima. Edificio senlleiro con indicación de Xulgados, en galego. Á porta da sala, letreiros en castelán: un manda apagar os teléfonos móbiles antes de entrar; outro, que as testemuñas non mastiguen chicle.

Logo dunha espera longa, só superable grazas á telemática (móbil e ordenador), o perito escoita o seu nome. Apaga os dispositivos electrónicos e vai entrar. Un oficial impídello.

?El móvil, apagao. Apáguelo ya ?reitera.

Entra o perito testemuña. Ve un avogado e un fiscal dunha banda; o xuíz no centro; outro avogado da outra banda. O xuíz ten un tic: sacar de diante dos lentes unha greña loura que non lle deixa ver.

Manda sentar o perito, home de barba branca, cabelo curto, traxe e gravata. Senta este de forma correcta ao seu entender, mais escoita algo insólito:

?¡Descruce las piernas!

Desconcertado, recompón a postura; e comeza a súa declaración, como experto nunha materia técnica. Polas preguntas do avogado da parte contraria, decátase de que ese togado nada entende. O perito tenta ser didáctico, mais o da greña córtao: que diga si ou non… Un desastre, pensa a testemuña técnica: ¿con que elementos vai ditar sentenza ese xuíz?

Os avogados diríxense á testemuña na lingua que fala, galego; mais ao xuíz (de clara fonética galega), en castelán. Á saída do xuízo, o avogado que pediu a peritaxe explica que falarlle en galego ao xuíz prexudicaría o seu cliente. E o perito retruca:

?Din que a Xustiza é cega, pero neste Impaís seica non é xorda. (La Voz de Galicia, 02/03/2010)

Share