Prexubilado de Astano (A voo de tecla, 15/02/2010)

As mortuorias da La Voz de Galicia son merecentes de estudo antropolóxico. Nelas a xente despídese cos seus atributos, indicando ao que chegou na vida: así hai pouco iniciaba viaxe sen retorno un señor “prexubilado de Astano”.
Este caso deu para rexouba de homes preocupados polo coñecemento cesante que se produce nas prexubilacións; e pola quebra psicolóxica dos que as padecen estando na flor da vida laboral. Rexoubando, definiuse a relación entre o ciclo vital e o laboral das persoas en España coma unha “auténtica tolería”: mentres a poboación avellenta rapidamente, mulleres e homes ata de menos de 50 anos pasan ás clases pasivas cunha esperanza de vida de 35 ou 40 máis. “Adelgázanse” ou péchanse empresas e non se incentiva os traballadores en cese para empregaren o seu saber en novos negocios. E, cando xa se lle ven os dentes ao lobo, xorde o inevitable: aumentar a idade de xubilación.
As cousas non se fan ben nesta perpetua corte dos milagres que chamamos España, e cumpriría mudar o sistema. Primeiro, habería que usar a bolsa da Seguridade Social para axudar parados con mestría no oficio a crearen negocios. Despois, cumpriría meter na ecuación das pensións dous factores: tempo traballado e achegas durante todo ese tempo. Calcular a pensión sobre os 15 últimos anos traballados é inxusto.
Tendo en conta a “integral no tempo” das achegas, forzaríase os traballadores a que mirasen por conseguiren os mellores salarios posibles desde o comezo da súa vida laboral, sen se angustiaren polo final dela (hoxe é un drama ficar no paro con 60 anos logo de ter traballado 35). Aínda máis, para incentivar o autoemprego, cumpriría facer caixa común entre autónomos e asalariados, de xeito que non importase pasar dunha situación a outra (cando hoxe –segundo drama– de nada serve cotizar como autónomo menos de 15 anos)…
65, 66 ou 67 son números da cábala. O que importa para xubilarse son outros factores. O xúbilo –de onde vén “xubilación”– depende máis da calidade que da cantidade.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/02/2010]

Share