Enganosa TDT (A voo de tecla, 19/01/2010)

Desde hai ben tempo vénse anunciando a chegada da TDT coma o lobo do conto; e, xa chegada, faino entre confusións. A TDT confunde, con dous conceptos que a xente coida acadar comprando un descodificador ou un televisor coas funcións correspondentes incorporadas. Como a maioría do pobo só atende ao fútbol e a ESO destruíu as capacidades de aprender, pénsase que a nova televisión é “dixital de todo” e “interactiva”.
Sen embargo, como por fortuna aprenden os alumnos de Ciencias da Comunicación da UDC (futuros xestores dos multimedia), cando á antena dun emisor se lle aplica un sinal dixital (formado por valores correspondentes ao 1 e ao 0) non se consegue o efecto de transmisión á distancia. Tanto a TDT como a TAT á que estamos afeitos se transmiten sobre ondas sinusoidais, analóxicas. O que varía dun sistema a outro é que esas ondas no caso dixital veñen moduladas por valores fixos (1 e 0) e no outro, á súa vez, por infinitos valores (analóxicos).
Seguindo con leccións de Multimedia, esquézase a interactividade. Ninguén pense que coa TDT cadaquén desde o seu televisor vai poder modificar a fonte do sinal (por exemplo, a cámara de toma de goles nun partido) nin o procesamento (por exemplo, sumando ou restando escenas) nin o almacenamento (por exemplo, arrincando ou parando a recepción dun filme). Todo iso está reservado a novos tipos de produción e transmisión que xa petan á porta. Polo de agora habémonos contentar con máis canles e máis calidade, pero de televisión tradicional.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 19/01/2010]

Share