Trilingüísmo utópico (A voo de tecla, 12/01/2010)

Admirado don Ricardo:
Pensaba mandarlle unhas letras polo seu centenario mais as circunstancias fan que me adiante nesta comunicación cara ao Alén.
Trátase do proxecto de decreto do ensino. Direille que me parece ben intencionado: na casa ensinamos os fillos a falar en galego pero tamén quixemos –e conseguimos– que falasen castelán e inglés con plenitude de recursos. Aplaudo logo os 33% do señor Lorenzo (Lourenzo ou Lourenço, ¿non, don Ricardo?) como utopía de partida, mais sen falarmos de trilingüismo harmónico senón de triglosia consciente: ninguén dá manexado por igual nin para o mesmo as linguas que aprende. O que importa é ter unha onde poidan nacer todos os pensamentos e os sentimentos, e despois manexar moitas para sermos partícipes das patrias dos demais: cantas máis falemos, mais humanos habemos ser.
O problema de Galicia, caro mestre, non é que os rapaces vaian aprender a terzos a lingua patrimonial, a do estado e a do imperio ianqui senón que a dona Paz Lamela lle protestasen por aquela campaña de “Fálalle galego” (a mai ao meniño). O problema segue a ser que nas nosas universidades se ignore en que idioma discorreu Niels Bohr a teoría cuántica: en dinamarqués, minoritario pero non minorizado, no que ensinou ao seu fillo Aage, tamén premio Nobel de Física. O problema é o creacionismo castelanista da maioría dos votantes galegos: como non leron os libros seus, cren que o castelán xurdiu en Galicia coma o toxo, por divina vontade…
Ben. Para a rexouba eterna que vostede mantén co profesor Lapa, con Guerra da Cal e Viqueira, vaia a miña utopía: primeiro galego, despois castelán e portugués; dominada a fonética portuguesa, daquela francés (que soa case portugués) e, coñecido o vocabulario francés, que veña o inglés (medio normando, medio saxón).
Non lle sei se a verei realizada de agora a cando me xunte con vostedes (e desculpen se demoro en facelo) pero confíen en que seguirei a dar a malleira: o meu –como o seu– é convencer para vencer.
Ferrolanamente, X. A.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 12/01/2010]

Share