Alfred Nobel e Amancio Ortega (A voo de tecla, 05/01/2010)

Dous homes de profesións dedicadas á ciencia e á técnica veñen de ver “Partidas”, filme no que, con maxistral simplicidade xaponesa, se trata do oficio de preparar cadáveres para o seu derradeiro transporte. Meditativos, seguros de que a vida persoal é un ciclo curto mais que a sabedoría non ten fin e modifica o mundo, sentan no café dun hotel histórico, onde tivo lugar a xuntanza dos maiores científicos europeos de entre guerras. Entón a conversa muda, da morte para a investigación básica: a procura do que malamente se albisca ata que chega a ser algo patente, logo de anos de investigar.
Un dos compañeiros de cine e café está afeito a administrar axudas por centos de miles de millóns de euros, agora é o responsable do maior proxecto científico da Historia despois do da fisión nuclear (que comezara a penas coas fórmulas de algún dos que aparecen na foto famosa do vestíbulo do hotel) e, ao xurdir Nobel na parola, fai un comentario curioso: cando Alfred Nobel creou a súa fundación non era nin tan rico nin tan coñecido en todo o mundo coma Amancio Ortega; daquela o mundo non estaba globalizado mais hoxe Zara manda no Globo. Que marabilla sería que alguén coma Ortega transcendese na Historia doando parte da súa fortuna á investigación que fará a vida mellor dos que nos sigan.
Pola mente do outro compañeiro logo pasa unha idea:
— Se tiveses coincidido co Nobel estando nun cargo coma o que tes. ¿Irías falar con el para convencelo?
— Seguro.
— Daquela, ¿por que non vas falar co Ortega?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 05/01/2010]

Share

One Comment

  1. Pingback: Por que este artigo de Alcalá non foi publicado na edición en papel? | O levantador de minas

Comments are closed.