Libros baixo demanda (A voo de tecla, 23/12/2009)

Decembro. Cinco e media da noite. Neva. Entre flocos brancos aparece un letreiro amable, “Filigranes”. Ábrese a porta e, tras dela, un mundo cálido de literatura con dereito a cafetería. A xente procura coa vista e o tacto, colle, senta, follea, toma algo, comenta, devolve aos andeis ou leva á caixa e paga. Tamén, se non dá atopado o que procuraba, deixa feito o encargo e pérdese na nevarada coa esperanza do libro que desexa.
Hai libros de luxo e de peto: os clásicos, baratísimos (en “Filigranes” o naturalismo de Émile Zola véndese a 5 euros a peza). O texto en soporte convencional non vai desaparecer: iso é o que pensan dous escritores galegos na capital da Unión Europea. Logo do Nadal (e dos Reis en España) hase saber cantos libros “electrónicos” se compran; mais no café desde onde ven nevar, os escritores imaxinan algo entre o tomo clásico e o “e-book”.
– Ao meu editor en castelán –informa un dos colegas– o seu distribuidor nos Estados Unidos xa só lle compra os arquivos electrónicos dos textos. Está a montar unha cadea de impresión baixo demanda.
– Pois esa é a solución –opina o outro–, porque non che hai nada tan cómodo coma un texto en papel. A editorial anúnciao na web, permite “follealo” nela e, se che gusta, pídelo e dancho encadernado en cinco minutos. Así non se tira papelote.
Solución ecolóxica. Ambos escritores veñen de asinar contrato de edición “dixital” con Galaxia e xa imaxinan algunha “librería ao novo xeito” funcionando na Galicia ultraperiférica mais consciente.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 23/12/2009]

Share