“English: what for?” (A voo de tecla, 03/12/2009)

Janez traballa defendendo ante a Comisión Europea os intereses científicos da Eslovenia. É dunha vila do recanto occidental desa república, onde fai esquina contra Italia e Austria. Fala doadamente italiano, alemán e serbocroata. Agora anda a aprender portugués.
Janez acaba de facer unha espléndida presentación das posibilidades de cooperación científico-técnica da Unión Europea co grupo BRIC: Brasil, Rusia, India e China. Europa –dixo– cada vez ten menos peso na poboación global e no grupo BRIC aumenta rapidamente a relación coñecemento/poboación. Das catro grandes potencias, a emerxente de máis doado trato é o Brasil, “con comportamentos latinos e case norteamericanos, riquísima cultura e moita alegría”.
No “networking party” que segue á intervención do Janez, este procura a compañía dun grupiño de galegos e portugueses; e atende –cun ollar eslavo, verde e riscado– a unha discusión lingüística que leva ata os artigos do profesor Rodrigues Lapa en La Voz de Galicia. Lusismo e enxebrismo acaban en porcentaxes de galego, castelán e inglés no ensino: 50/50, 40/40/20, 33/33/33…
– “But, English: what for?” –irrompe o Janez, facendo calar os convivas. Dá logo o seu punto de vista: é moito máis importante entender a mecánica de fluídos en esloveno que ter un verniz de cultura xeral en inglés. E pregunta como vai o ensino medio en Galicia.
–Pesimamente –respóndenlle–. Os rapaces entran na universidade sen saberen que significa 220 V / 50 Hz, que en todos os idiomas se escribe igual.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 03/12/2009]

Share

2 Comments

  1. Xavier, perdoa que escriba eiquí; pero no atoupei o teu mail. O caso é que quería poñerme en contacto contigo porque estou intersado en traballar fora. Eu son facultativo de bibliotecas na Universidade da Coruña e podería aparecer algo do meu traballo nos organismos europeos. Ademais, son de Pontedeume.
    Un saúdo
    Pedro Incio

Comments are closed.