Innovación rompedora (A voo de tecla, 25/11/2009)

Los Ángeles, décadas atrás. Estudio de arquitectura a traballar no proxecto da nova biblioteca de Alexandría. Vista abraiante da grande metrópole do Pacífico. Ollando para ese mundo de autoestradas e rañaceos, un tipo barbudo parece dedicado ao “dolce far niente” mentres ao seu arredor ducias de persoas deseñan e imprimen planos.
–É o noso poeta –informa o arquitecto xefe–, o que nos dá as ideas rompedoras…
Europa, hoxe. Circunstancias e locais diversos, diferentes paisaxes. Repítense dúas palabras: “disruptive innovation”. Vense intentos de traducir tal conxunto de termos latinos anglosaxonizados como “innovación alternativa”. Mais alguén que escoita repetir o concepto lembra frases oídas en California e en Galicia hai moito, todas relacionadas coa poesía.
Os poetas sempre quixeron ser rompedores. Na súa necesidade de suxeriren chegan a tentar o inaceptable para canons e moldes. Nesa paixón suxiren o que abre portas a novos mundos.
Ben. O mundo actual anda á toa. A Terra xira arredor do sol e os humanos formigan sobre a súa face obnubilados por paradigmas vellos, que os levan ao desastre. E para evitalo só fica a posibilidade de innovar á procura de novos paradigmas, dunha maneira rompedora, poética.
Non é cuestión de inventar alternativas dentro do coñecido senón alternativas ao que se dá como garantido. Non se trata –por exemplo– de mellorar motores de coche senón de imaxinar un futuro sen coches (nin carros de cabalos) no que caiba a liberdade de transporte individual.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/11/2009]

Share