Vacas ao monte (A voo de tecla, 11/11/2009)

A pampa, mar de herba, mostra unha corcova de pedra en Tandil. Haberá vinte anos cabalgaban polas abas desa “Sierra” un enxeñeiro de telecomunicacións chegado de Galicia e outro agrónomo, veciño do pago tandileiro. Baixo eles, unha estancia con dúas mil hectáreas dedicadas a vacún de leite. Alí os gauchos levaban arreos de cento cincuenta leiteiras cara aos “tambos” onde as ían munxir á vez.
O visitante coidaba estar nun mundo onírico, asoballador pola súa grandeza. Imaxinaba un Amazonas de leite a xurdir daquela explotación cando o arxentino lle dixo que, de cada vaca, só se tiraba unha media de doce litros ao día. Pensando nos trinta ou máis que se lle poden tirar á vítima nas explotacións galegas, a cousa deslucía. Mais o técnico arxentino —de apelido galego, coñecedor da Chaira dos seus avós— non dubidou na resposta:
— Ustedes allá hacen las cosas mal, ché: importan cereal para raciones. Acá no gastamos nada: las vacas sólo comen pasto…
Haberá unhas semanas, o mesmo viaxeiro pola pampa tentaba superar unha manifestación a cortarlle o paso na “Rue de la Loi” de Bruxelas, convertida en río de leite envorcado. No rebumbio foi bater cun agrónomo galego, funcionario da Comisión Europea. Na terra deste, onde houbera pasteiros hoxe todo son eucaliptais; mais el ten as contas feitas:
— Galicia é o paraíso das vacas, ho. Pero cómpre botalas ao monte, feito prado. Mantelas só a penso é un absurdo…
Ben. Con tal idea de funcionario europeo, que ninguén se estrañe do que poida pasar.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/11/2009]

Share