Informe de Correos (A voo de tecla, 30/10/2009)

Chove tristemente. “Si habrá crisis, bronca y hambre / que el que compra diez de fiambre / hoy se morfa hasta el piolín”: a letra do tango resoa no maxín do cliente de Correos cando se achega a un funcionario coñecido. Falan da crise; o cliente traduce a frase en lunfardo:
–O que compra embutido mesmo lle come a piola, da fame que vai.
Seica vai: antes da crise –informa o funcionario–, nesa estafeta a cotío mal chegaba unha devolución de recibo. Nesta mañá gris xa leva contadas trinta. E o peor non é o que se devolve, por impagos. É o que non se envía, e o que se manda ultimamente.
– A estas horas –di o funcionario–, calquera día isto estaba cheo de arxentinos e uruguaios; e de colombianas –chisca un ollo e o cliente capta a pillería–. Viñan mandar uns centos de euros, ¡fortunas para as súas familias! E tamén paquetiños urxentes con agasallos.
Hoxe só viñeron enviar cartos á casa tres vizosas eslavas. De novo se repite o aceno pillo: ese negocio aguanta.
Uns paquetóns no chan dan outra pista:
–Roupa usada. O único que mandan xa os inmigrantes, e agora sen présa, por barco –hai tristura na cara do funcionario–. E aumentan os xiros dentro de España. Cada día máis son de señoriñas vellas que mandan algo a un fillo ou a un neto.
Os inmigrantes encóvanse, as pensións galegas espállanse cara a toda España… En Galicia, os apelidos son unha marabilla cultural: fronte a Doce, Salgado, o da ministra que debía visitar estafetas de Correos tendo en conta que as bágoas nunca souberon a mel.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/10/2009]

Share