Un franco, 14 pesetas (A voo de tecla, 15/10/2009)

Raquel sempre fixo os deberes, da primaria ao doutoramento. Este día foina despedir a familia e seica choraban “pero non porque se nos fose a meniña, que xa é unha muller feita –confesa o pai–, senón porque marchaba outro cerebro máis”. O pai é médico; a mai, profesora de inglés. E a rapaza non se perde lonxe, pois Galicia linda con Inglaterra mar por medio e a Raqueliña vai traballar nun laboratorio que investiga e vende patentes de medicamentos preto de Londres. Coñece lingua e costumes do país e, como lles dixo aos seus, “alí non son a única galega”…
“Un franco, 14 pesetas” é un filme dos que deixan saudades, ganas de o rever. Leva dous nomes galegos nos créditos, Adivina e Susana Maceiras, dabondo como para garantiren calidade. E tena: sinxelamente, conta unha historia de emigración á que non estamos afeitos, de urbanitas e mecánicos, de madrileños que van descubrir as glorias do campo suízo, onde tamén hai fábricas.
Para Galicia a masa emigrante foi rural, galegofalante en exclusiva, e con tal base se construíron as demasiado poucas narracións en texto e audiovisual que coñecemos. Esa epopea fica por contar debidamente; mais, visto o panorama actual, coñecendo como se van os mellor preparados –sen problemas de intelección– alá onde lles dean traballo, sería cuestión de que escritores e produtores de audiovisuais fosen pensando no equivalente a “Un franco, 14 pesetas” pois non hai maior drama có do “emigrante intelectual, sen a escusa do exiliado político” (Ramón Piñeiro).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/10/2009]

Share