A favor das nucleares (A voo de tecla, 07/10/2009)

Nun restaurante vietnamita de Bruxelas os manteliños de papel traen unha mensaxe: “Canto máis a utilicemos a enerxía nuclear para producirmos electricidade, menos CO2 habemos emitir; canto menos emitamos, menos se quentará a Terra; canto menos calor vaia, menos cervexas frías se han beber; cantas menos cervexas frías se beban, menos habemos utilizar a enerxía nuclear…”
O foro de apoio á enerxía nuclear que asina a propaganda pregunta se xa temos “reflexionado de verdade” sobre o asunto. E a reflexión leva lonxe: á imposibilidade de saírmos da depresión económica global sen mudarmos as compoñentes da ecuación enerxética da Boliña Azul aquecida polo astro do día. No mundo espertan grandes masas ao consumo, todos os humanos teñen dereito a un anaco do Paraíso Terreal e fica moito tempo para chegarmos á fusión nuclear, a sabermos imitar o sol na Terra.
Ata entón, e mentres non somos capaces de dominar eficientemente a enerxía fotovoltaica e de producir hidróxeno dabondo para substituír os combustibles fósiles, ¿por que negarnos a usar con xeito a fisión nuclear?
Un manteliño de restaurante pode facer pensar que coas “nucleares” se estea a cometer o mesmo erro que cos sistemas de telefonía celular: os reactores de última xeración non son os de Chernobyl; como as ondas dos móbiles non son as dos raios X. A fisión nuclear ben controlada non asusta a xente ben informada. Outra cousa é que os cidadáns con coñecementos enerxéticos saiban controlar as cobizas dos “lobbies” nuclearistas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 07/10/2009]

Share