O «L» da Coruña

Cando xa se daba por morta a polémica sobre La Coruña, a señora Marón declarou con retranca en La Voz que «Hay vida después de la muerte».

Non hai nada peor ca pechar disputas en falso, a golpe de boletín oficial. Feo é aproveitar a falta de información para construír materia de debate político. Incomprensible que, cando está próxima unha solución de equilibrio, se esqueza para demostrar obediencia ás leis.

Antes de que a Coruña pasase a ser A Coruña publicouse un razoamento que segue a ser válido: os que reclaman o L para se expresaren en castelán esquecen que están a caer nun galeguismo. A xente de fala castelá natural evita pór artigos diante de nomes vila ou cidade, a punto de que Coruña del Conde -homónima burgalesa da capital das Mariñas- non se chama La Coruña del Conde. Ao contrario, a xente de fala galaico-portuguesa tende a pór artigos diante dos nomes de concello (A Estrada, O Carballiño…) mais non sempre os escribe. Caso ben coñecido é o do Porto: en portugués dise «Vou para o Porto… Estou no Porto… Saio do Porto…» e, con todo, a cidade chámase só Porto.

Curiosamente os castelanfalantes, de tanto oíren «o Porto», acabaron nomeando a xoia do Douro como Oporto. O cal leva a pensar que, de se teren mantido os galegos firmes na súa fala, a Coruña aparecese como Acoruña nos mapas editados en Madrid.

En fin, ¿por que non se deixa a Coruña só niso e que cadaquén faga o que lle pete co artigo? A lingüística é unha ciencia e as leis están para seren interpretadas. (La Voz de Galicia, 23/09/2009)

Share

One Comment

  1. Pingback: O Eco dos Mestres na Capela | Misturas e Petiscos

Comments are closed.