Ruxidos do Leste (A voo de tecla, 13/09/2009)

“Rentrée”. En España anúncianse fríos sociais: non se debe vivir construíndo vivendas e ofertando turismo; nin convidar inmigrantes a faceren o traballo que os españois rexeitan. Non hai seguridade social que aguante con tanto prexubilado, tanto parado español ou inmigrante (que xa non pode mandar remesas, e sobra no seu país)…
Oriente. Alá garda silencio o vello tigre, o que máis aprendeu de Occidente: Xapón robotízase, substitúe persoas por máquinas. Non acepta inmigrantes mentres se fai vello. Na súa orde social supera a Europa.
Mais roxen tigres novos, que descoñecen o benestar colectivo, que mesmo manteñen castes. A vida bole en mundos de ríos-cloaca, motos con catro pasaxeiros, postiños de comida a pé, xastrerías mesturadas con axencia de viaxes. Innúmeros desherdados resisten o monzón baixo pontes de autoestrada. Os rañaceos atinxen alturas absurdas. Leprosos –curados– venden tabaco no chan mentres se valen do móbil con anacos de dedos. Os obreiros traballan oíndo o “MP3”. Pasan coches, frenéticos, baixo anuncios de conexión universal á Internet. Hai centros comerciais de informática inmensos, para viciosos, con clónicos que superan os orixinais americanos. Os hospitais ofrecen operacións baratas para turistas…
En fin. ¿Non debería Europa pensar nun modelo social menos amolecedor? ¿Non debe España inventar e producir baratamente, sen “peonás”? Algo cómpre facer axiña, porque, se non, os tigres do Leste vannos comer con arroz (pois seica non gustan das patacas).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/09/2009]

Share

One Comment

Comments are closed.