Touros e gando (A voo de tecla, 13/08/2009)

Todos os veráns aparece en Galicia a polémica dos touros de lida, con opostos e defensores. Ora, neste de 2009 xurdiu un novo factor de discusión: o nacionalismo galego (ou nin sequera iso, o galeguismo rexionalista) como inimigo de “la fiesta nacional”. Non abondaba co maniqueísmo lingüístico para que se viñese facer ideoloxía cun espectáculo foráneo.
As touradas non xurdiron en Galicia por costume; viñeron doutras partes de España. Unha persoa tan dificilmente acusable de antiespañolismo coma don Manuel Fraga relata o susto da súa avoa vilalbesa cando a levaron a unha “corrida” na Coruña: seica a señora lamentaba o que vía facer contra “o gandiño” nas faenas sanguentas da praza. E cumpriría lembrar o chiste de Castelao sobre unha feira taurina en Compostela: o ancián que contempla o cartel comenta “Lástima de bois”…
Os touros bravos son algo exótico; e din que subvencionado, custoso, pois os galegos non se dan afeito a eles. Galicia –para a súa fortuna en tempos de quecemento global– non garante “sol e moscas sobre o sangue”. Un andaluz que lle quixo moito ao país da chuvia adoitaba dicir que “no se puede ir a los toros con paraguas”. Un nacionalista galego afeccionado aos habanos confesaba que nunca fumara con tanto pracer como en La Maestranza, “bébedo de aires toureiros”.
Alén do maltrato ao gando, nese espectáculo pouco hai de pensamento político xeneralizado; moito, de gusto popular e ambientación: a tauromaquia con orballo ou baixo cuberta é un triste sacrilexio.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/08/2009]

Share

One Comment

  1. Moi emotivo este artigo, en verdade. Dunha sensibilidade que algúns, hoxe estrañamente visíbeis, non serán capaces de desfrutar. Oxalá o seu corazón se abra un día e lles permita gozar da compaña dos paisanos, para deixaren de ser extranxeiros na súa terra.

Comments are closed.