Presentación de Habana flash na Feira do libro da Coruña

«[…] A continuación acudimos á presentación da versión castelá dun referente imprescindíbel da crónica literaria de viaxes, La Habana Flash, agora en versión castelá na Nowtilus. Aínda que a presenza do editor madrileno non foi posíbel, Xavier Alcalá viuse fornecido por dúas persoas de máximo calibre intelectual na mesa e abrigado por un público expectante que encheu a carpa dobre que este ano proveu a organización da Feira.

A primeira intervención no acto foi de Francisco Fernández Naval, quen puido confirmar ante todos a pertinencia das aseveracións implícitas e explícitas do autor na súa valoración xeral sobre as virtudes e defectos do rexime cubano. Ofreceu, tamén, datos sobre as mudanzas deste país nos últimos anos, contrastando as súas propias experiencias nos anos noventa e na actualidade, o que supuxo un testemuño de primeira man para os asistentes.

A outra intervención, a cargo de Marcelino Fernández Mallo (‘Mayo’ erroneamente no programa da Feira, para máis dar que falar neste ano sobre a sensibilidade lingüística da organización), non foi de menos calado. Constatou, desde que sufrido pola súa propia familia, como o proceso revolucionario cubano se apropiou dos bens de tantos galegos para logo dilapidar os froitos do traballo nunha política de represión acompañada dunha nefasta xestión dos recursos.

HabanaFlash2009CoruñaPartindo dun evidente respecto polos principios socialistas que fundamentaron a Revolución, e recoñecendo antes do que nada o estado de inxustiza social da Cuba pre-revolucionaria, lamentouse a instancias dalgún membro do público que na actualidade a prostitución atinxa constantemente o 25% da xuventude, e eventualmente chegue ao 50%. Datos similares a estes e outros moitos tirados de entrevistas persoais con testemuñas directas serviron a Alcalá para compor esta investigación histórica con verniz literario. Lembrounos, por exemplo, que existía unha comunidade de pescadores orixinarios de Ferrol e Coruña que se mantiña en rexime de cooperativa usando unha frota composta por barcos de enerxía mixta, a motor e a vela; e como despois de ser todos requisados polo novo goberno a un colectivo que xa traballaba dun modo socializado, os mandatarios ordenaron retirar os mastros das embarcacións para evitar unha imaxe de industria subdesenvolvida. Aquilo foi imcomprensíbel para uns pescadores que coñecían o aforro daquel sistema mixto de navegación, como aínda máis o abandono posterior daquela frota que ninguén xa puido usar con xeito, e que pouco a pouco se foi afundindo nos peiraos por total desatención. Unha investigación e unha reelaboración literaria que a Xavier Alcalá levou, debido ao seu compromiso co rigor informativo, a verdacidade histórica e a sensibilidade literaria para con aquilo que surxe do esforzo digno dos galegos en Cuba, a ver como lle pecharon as portas neste país. É o prezo que ás veces hai que pagar por posuír un criterio persoal e estar disposto a asumir as consecuencias da súa defensa. Ou, dito dun modo máis simple, o prezo da dignidade intelectual.» (Ler completo en O levantador de minas)

Share