A mantida do Fidel (A voo de tecla, 03/08/2009)

“La maîtresse du commandant Castro” é un romance de Eduardo Manet, cubano exiliado que soubo facer o seu lugar no sistema literario francés. No comezo do texto descobre un Fidel insensato, que desvirxina unha menor obnubilada polas súas maneiras de caudillo tenro. Neses capítulos (antes de se perder noutros internacionais, psicanalíticos) Manet fai deseño acertado da Cuba precastrista desde a visión dunha filla de terratenente, beleza loura en país de morenos.
A rapaciña entregada ao comandante, que a mantén en casa á parte no campamento da Sierra Maestra, chega a dicirlle algo amoroso sobre a súa pel de galego (branco) e o Castro revíraselle:
–“De Galicien, je n’ai rien” –de galego, nada.
Daquela o narrador explica que “Galicien est considéré comme un insulte” polos cubanos, e aínda fai ao comandante insistir:
–“Je n’ai rien d’un Galicien” –non insultes, nena…
Se san Pedro negou tres veces a Cristo, segundo o Evanxeo, no relato do Manet o Fidel nega dúas a patria paterna, e de tantos que loitaron con el contra o Batista. E iso fai pensar que o fabulador foi alén do que unha dama xa defunta (a tal mantida) lle puido contar, pois persoas que sen dúbida trataron o comandante din que este, home con vivencias e lecturas, sempre soubo o que era ser “gallego de Galicia”.
En fin: o xénero do romance achegado á realidade é moi respectable, fonte de coñecemento para historiadores e antropólogos. Mais para atinxir obxectivos de verosimilitude son inescusables documentación e testemuños certos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 03/08/2009]

Share