Historia dunha familia

Resultados da enquisa: dous terzos dos pais galegos só lles falan aos fillos castelán (dialecto galaico ?«te cojo en el colo»? que eles consideran lingua da Castela)… Ora, velaí a historia dunha familia que recoñece a importancia universal do inglés, do castelán e (como poucas en Galicia) do portugués.

Ela é filla de arxentina e británico. Tivo o inglés por lingua da casa e do colexio, e por fala da rúa o castelán dun sistema diglósico consciente («Vos hablás criollo pero escribís castellano»). Estudou francés e aprendeu a frasear portugués de «ese gran monstro creador de cultura» (Eduardo Blanco-Amor díxit) chamado Brasil.

El naceu en terras do Guadiana e aprendeu a ler en Ferrol, «donde nunca se habló gallego» (mais onde á mañá soaban anuncios como «¡¿Quen quere leite?!» ou «¡Peóns prós gatos!»). De criadas e compañeiros de escola entroulle, por osmose, o galego.

Ela aprendeu galego por amor e estivo de acordo en falarlles aos fillos na lingua natural da terra que os acollera. Axudouna a asistenta co seu galego de Monterroso. Os nenos aprenderon castelán pola televisión; e na gardería. O xogo de salto de linguas próximas preparoulles as cabeciñas para algo inevitable no mundo: á multiglosia. Cando xa estaban instalados claramente no galego e o castelán, os pais deron en ensinarlles inglés, e comprábanlles o Tintín en portugués. Ao chegaren a idades de viaxaren sós, mandábanos a choiar de verán nos Estados Unidos.

Sempre tiveron excelentes notas en galego e inglés. Eran rapaces diferentes, que falaban galego entre eles e conmutaban doadamente a outros idiomas. Xa adultos, entre todos, falan, len e escriben inglés, francés e portugués con diplomas e títulos; e mesmo dinamarqués e eñepá (fala do Orinoco) sen eles. Algo de alemán e italiano aínda acadan…

¿En que ficara a negación das familias dos seus amigos e compañeiros de traballo? No que fixo a un pensador fascistoide clasificar os galegos como «pueblo de almas rendidas».

¿E son todos os galegos así? Non. Pero segundo a enquisa tan esperada, a minoría dos conscientes non pode coa maioría dos confundidos. ¿Que ten o castelán que non se poida expresar en galego? Se cadra as asneiras que a Real Academia Española (RAE) deixa entrar desde o inglés a través das colonias hispanoamericanas dos ianquis.

En fin: «O galego que non fala / a lingua da súa terra / non sabe o que ten de seu / nin é merecente dela». Logo da enquisa só falta que as señoras Gloria Lago e Rosa Díez («tanto monta, monta tanto») propoñan un «decreto de apelidos bilingües». (La Voz de Galicia, 31/07/2009)

Share