BD no móbil (A voo de tecla, 13/07/2009)

Hai semanas despedíase da súa facultade unha nova promoción de licenciados en Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña. Houbo discursos animosos dos profesores e nun deles volveu aparecer a vella relación entre medios e contidos: se non houbese medio técnico, non habería medio informativo. Por exemplo, a radiodifusión sonora, nacida para fins militares, permitiu a existencia da “radio” con todos os seus impactos culturais.
Logo dos discursos viñeron as conversas e daquela saltou un novo caso de maridaxe entre medios que non se coñeceran desde o principio: a banda deseñada coa telecomunicación móbil persoal (algo máis cá telefonía).
En Bélxica, patria de grandes mestres da BD (non só o pai do Tintín), xurdiu unha nova proposta, transferible a outros países con capacidade creadora. É a de aproveitar as propiedades dos novos terminais móbiles para presentar neles as viñetas das historias, ata agora só recollidas en álbums: algo sinxelo pois os debuxos dixitalizados consomen pouca memoria e menos capacidade de transmisión. Aínda máis, as aplicacións hipermediáticas para eses dispositivos permiten ligar banda deseñada con outros elementos, gráficos e sónicos.
Ben. Galicia é un país de creadores de BD con sona mundial (algún con mostra permanente no museo do “comic” de Bruxelas) e onde non faltan empresas de alto nivel técnico nos multimedia. Se cadra, logo, cómpre comezar a pensar na maridaxe BD-móbil á galega… ou á universal, porque os textos das bandas logo se traducen.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/07/2009]

Share

One Comment

Comments are closed.