Lixo e lingua (A voo de tecla, 17/06/2009)

O crepúsculo é longo nas latitudes de Flandres. Leuven –Lovaina– é unha beleza barrocamente gótica, de pedra que vira ocre ao solpor. Unha praza chea de xente nova acolle os visitantes nun festival de bandeiras. Moitos séculos de sapiencia contemplan ese mundo universitario.
Corre unha xenerosa rolda de cervexas e vanse desenvolvendo os temas, en inglés, entre un flamengo e dous galegos: hai crise de materias primas; soben os prezos dos metais necesarios para mantermos o benestar da parte do Globo que, vista desde o espazo cando lle corresponde a noite, aparece iluminada. Esa parte debería comezar un proceso de “garbage mining”, minería do lixo. O centro de transferencia tecnolóxica ao que pertence o flamengo estase especializando en recuperar materiais preciosos dos inmensos depósitos de todo o que foi tirando o mundo iluminado de noite…
A conversa dá un quebro cando o anfitrión se interesa polo idioma galego, segundo el, un caso semellante ao do seu. E sofre un choque que lle fai esquecer a nova minería ao saber que en Galicia a xente se pregunta se cómpre ensinar galego ou inglés na escola. Non entende nada, vai afinando as preguntas e conclúe a pedir desculpas para atreverse a sentenciar: nada se pode esperar dun pobo que trata a fala propia “like garbage”, coma lixo. Tan afectado parece que, se cadra, vai rexeitar o proxecto de cooperación técnica galego-flamenga que orixinara o encontro; e os galegos tentan unha saída pola vía do humor mais, neste caso, non a dan atopado.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/06/2009]

Share

One Comment

  1. Pingback: Alfredo Ferreiro

Comments are closed.