Letras e telemática (A voo de tecla, 17/05/2009)

Cada ano, no 17 de maio véñense a celebrar o día das Letras Galegas e o do que poderiamos chamar Telemática, nun proceso de coincidencia que aumenta sen parar.
Hai trinta anos os escritores escribían a máquina, lían en soporte de folio e puían con pluma, pintura branca e mesmo pegando papel para mudaren parágrafos. Daquela apareceron os programas editores nos ordenadores e o labor de escribir viuse aliviado de servidumes mecánicas para os literatos capaces de acceder ás marabillas da informática, que acababan mandándolle ao editor o orixinal en papel impreso.
Máis adiante xurdiron os ordenadores de tratamento de textos nas oficinas e máis escritores accederon á posibilidade de compor e recompor sen fatiga. E xa se podía mandar ao editor o produto en disco magnético por correo.
O seguinte paso foron os ordenadores persoais. Hai unha ducia de anos conectábanse eses ordenadores por medio dos modems e as liñas telefónicas. Rematou logo o mandar papel e discos ao editor. Comezaron as trocas de probas entre autor e editor, enviando este os textos montados segundo irían ao prelo.
Desde hai un lustro, as conexións de alta velocidade permiten que a obra –mesmo ilustrada– poida viaxar en dous sentidos nun progresivo refinamento. Actualmente, a mobilidade que facilitan as redes sen fíos permite ao creador do texto e ao realizador do libro traballaren en conxunto desde calquera lugar.
Letras e telemática van logo xuntas. En Galicia, cada 17 de maio teñen un motivo de conxunta celebración.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/05/2009]

Share