A verdadeira crise (A voo de tecla, 06/05/2009)

Un físico de partículas elementais e un enxeñeiro de telecomunicación comentan unha conferencia sobre “enerxía intelixente” convocada pola Comisión Europea. Beben cervexa branca cuns toquiños de limón. A tarde é linda, desas que avaramente ofrece o clima de Bruxelas, e, por diante do Parlamento, na praza móvese un mundo de xente e vehículos.
As cores animadas farían levantar azos, mais os xestos dos homes formados no intanxible, nas ondas e nos elementos subatómicos, non se corresponden co ambiente. O mundo –consideran eles– treme, aterecido, por unha crise aparente, financeira, económica. Desde a distancia dos seus coñecementos matemáticos, inflexibles, ven as leis económicas “elásticas, non científicas”, e conclúen que todo se podería arranxar na convención que fai do diñeiro un valor aceptable para cantos xogan con el.
–Os economistas só che traballan con cifras –sentencia un.
–Crise de cartos, con cartos se arranxa –completa o outro.
Calen e engolen “blanche” escumosa, baixa en alcol.
Calan porque saben da crise subxacente: a economía mundial está baseada no abuso de recursos escasos, que cada vez requiren de máis enerxía para a súa extracción e para a súa conversión en algo utilizable. O uso intelixente da enerxía é a chave dunha nova economía para un mundo distinto. No tempo próximo, só co aumento exponencial da captación de enerxía e a diminución radical na súa utilización se evitarán as guerras que acaben coas civilizacións… Enerxía ou morte: velaí a verdadeira crise.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 06/05/2009]

Share