Castrapo parlamentario (A voo de tecla, 24/04/2009)

No Parlamento de Galicia escoitáronse discursos en galego exemplar, en bocas de señorías coma Xosé Cuíña, Xosé Manuel Beiras, Víctor Vázquez Portomeñe, Benxamín Casal, Francisco Cerviño…, por non mencionarmos mestres do idioma ao xeito de Ramón Piñeiro, Pilar García Negro, Carlos Casares ou Alfredo Conde.
Mais tristemente eses discursos foron excepción. A barafunda lingüística do Hórreo chega ao extremo de que as máquinas de tradución automática entre galego e castelán tolean cando se lles introducen literalmente os discursos dos deputados. Non dan identificado nada máis que anacos de fala e non sabe como reaxir.
O Parlamento de Galicia é o Sancta Sanctorum da Civilidade do pobo creador dunha lingua que pasou o Mondego e, desde o Portugal reconquistado, se espallou por catro continentes na súa versión estremeña. Cumpriría logo que do Parlamento desaparecese o castrapo, un “patois” que avergoña. Os parlamentarios galegos deberían dar exemplo aos que os votaron e aínda viven na dúbida de que todo se poida expresar no idioma que lles marca lugares de nacemento e apelidos.
Sucedéronse as lexislaturas e non avanzou dabondo a diglosia normalizada dos galegos (o bilingüismo é só bela utopía); mais agora fálase de cordialidade e consenso. Nada máis cordial habería có consenso entre parlamentarios para falaren ben, segundo as regras dunha lingua perfectamente codificada: no Ano de Ramón Piñeiro, nunca mellor homenaxe ao seu colega que tan rexamente defendeu o idioma patrimonial.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 24/04/2009]

Share