Y con embargo… (A voo de tecla, 16/04/2009)

“Y con embargo se mueve” proclamaba o valo pintado polos grafiteiros oficiais da Habana: frase chea de enxeño, tradución da contraria ao “Eppur si muove” de Galileo, “Y, sin embargo, se mueve” na lingua dos cubanos, fillos da colonia e o recaste, con tanto sangue dos galegos que alá chegaban aprendidos nas escolas para emigrantes… Enxeñosos, si, os da axencia cubana de lavado de cerebros a favor da Revolución. Mais seica comeza a rachar a muralla con que os ianquis rodearan a illa (deserta se for península, se for doado petar ás portas dos Estados Unidos).
¿Que desculpa lles vai ficar de agora en diante aos ideólogos do réxime? Xa non é un “wasp”, branco, anglosaxón e protestante, o que marca poder na Casa Branca, senón mesmo un mulato, como foi Batista. E ese mulato –que pasaría por cubano– veu disposto a desmontar a falacia do castrismo: que o país non funcionaba por culpa do embargo.
Non funcionou porque os galegos deixaron de traballar, porque os que apoiaron a revolución –tantos deles, tantísimos– se viron expropiados ata dos medios de traballo cooperativo. Cuba non andaba porque só de ideoloxía non se vive e ao Ché non lle deixaron facer industria. A inventiva cubana non pode producir porque a tiranía, o estado policial, non deixa ás mentes produciren. En Venezuela, na universidade, aos cubanos chámanlles “los argentinos del Caribe”. Tiveron bo paroleiro –o Fidel– do que aprenderen. Mais agora cómpre menos falar e máis traballar. En liberdade. Con igualdade social.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/04/2009]

Share