I+D en Sevilla (A voo de tecla, 13/04/2009)

Sevilla, antes da Semana Santa. Era primavera e cheiraba a flores brancas. Un aluvión e persoas relacionadas con proxectos europeos de I+D caeu no pazo de congresos da gran capital do Guadalquivir. Íase falar da inventarmos, de facermos progresar a Humanidade con axuda do intelecto, do Sétimo Programa Cadro de Investigación da Unión Europea.
Brillaron dous galegos, Xosé Manuel Silva, director xeral de Investigación da Comisión Europea, e Xesús Rodríguez Requena, investigador bioquímico. Silva explicou como se van usar miles de millóns de euros en provocar a utilidade de inventos e descubertas. Con humor aberto, tocou gravidades que afectan o Globo, avanzou diñeiro para marabillas propias da mente de Jules Verne. Rodríguez Requena, con humildade retranqueira de científico, explicou os fins do consorcio multinacional que dirixe desde Compostela, un mundo de cerebros á procura dos “prións”…
Sevilla de noite é menos choqueira que de día, véselle menos a fatuidade. Mais non deixa de lucir elementos de realismo máxico que abraian o visitante. Entre finos sen graza e tapas de dubidosa calidade, un galego ofende sen querer andaluces colegas, chistosos pero faltos de humor: propón facer I+D para “capirotes”, “cintos de nazareno” e “alpargatas de costalero”. Non tiña intención ruín, tentaba dicir que España vai atrasada na carreira técnico-científica que se arbitra con subvencións desde Bruxelas porque, para descubrir e inventar, cómpre acertar na utilidade de propósitos e propostas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/04/2009]

Share