«Vamos a facer» (A voo de tecla, 26/03/2009)

Frase repetida polos políticos actuantes na campaña electoral pasada foi “vamos a facer”, querendo dicir –polo contexto do discurso– “imos facer”, “faremos”, afirmativamente. Tamén se escoitou dabondo “vou a facer” tentando dicir “vou facer” ou “farei”.
Moitos políticos representan o sector de falantes que pasan sen xeito nin precaución do castelán ao galego. Os falantes naturais saben o significado de “vamos a facer” ou “vou a facer”: “imos facendo” ou “vou facendo”; e mesmo meten no castelán algún “vamos hacer” ou “voy hacer”. Hai, con todo, galegos alertados que nunca caen no erro: son os que coñecen ben os dous idiomas similares, ás veces separados só por unha preposición.
Na lingua galaico-portuguesa e na francesa os verbos “ir”, “vir” e “volver” non levan preposición a seguir salvo para acción continuada. Pódese argumentar que ningún idioma está exento de influencias alleas, polo que, se os galegos decidiren tomar do castelán a preposición separadora, a Academia logo debería limitarse a rexistrar a mudanza e lle dar valor aquén da Pedrafita. Mais a cousa non é ten doada: unha simple partícula gramatical vén demostrar que, sen debida fixación escolar, os idiomas “B” acaban sendo absorbidos en situación diglósica. Coa campaña electoral pasada (na que se ofreceu a división dos galegos en dúas falas) ficou claro que o castelán dos media abafa o galego sen escola. A morte da lingua patrimonial vaise producir por disolución: o galego hase disolver no castelán coma pedriña de azucre.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 26/03/2009]

Share