Nun coche oficial (A voo de tecla, 18/03/2009)

En Bruxelas os directores xerais non teñen coche e chofer asignados. Hai un servizo colectivo e ás veces os conductores non saben a quen transportan. Así, na ocasión da anécdota o home ao volante respondeu unha chamada telefónica dicindo que ía “en train de conduire un responsable”. Certamente: estaba a levar o responsable do maior proxecto científico do mundo, o do reactor de fusión nuclear.
A frase en francés deu lugar a comentarios entre o “responsable” e un acompañante, en lingua estraña para o chofer, a galega: en España sería incrible que non houbese mesmo certa intimidade dun alto cargo co seu condutor… Mais logo retomaban a conversa: a crise suprema do mundo é a enerxética. Os prezos dos combustibles caeron porque as crises financeira e económica diminuíron a sede mundial de petróleo. Pero algún día as economías volverán medrar e imporase un freo ao crecemento: o barril de ouro negro hase comprar a prezos esmagadores.
O sistema enerxético actual está abocado ao desastre e non fica outro remedio que acadarmos un escenario diferente: o das fontes múltiples e as redes enerxéticas semellantes ás de telecomunicación modernas, interconectadas e reguladas por un protocolo universal. A fusión nuclear —a imitación do proceso enerxético do sol— está lonxe, e cómpren solucións intermedias nas próximas décadas; con xenerosidade entre os pobos que viven sobre a face da Terra, evitando que cada un deles esprema, garde e consuma os seus recursos. Se non, as guerras están servidas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/03/2009]

Share