Yo odio el gallego (A voo de tecla, 11/03/2009)

O portal é grande, resoante. Nel resoa a frase:
–¡Yo odio el gallego!
Pronúnciaa unha dona de casa cun cativo uniformado de colexio á man.
–Es que no sirve para nada –apostila a veciña que a escoita co neto ao colo.
Outros dous veciños, que andan a quitar cartas das respectivas caixas de correo, paran de facelo con xestos de abraio. Saen as señoras, e á boca dun deles veñen versos vellos:
– “Pobre lingua dos galegos, / Ecce Homo dos idiomas, / tes por Xudas o teu pobo e por Sanedrín as donas…” ¿Como pode esa muller odiar o idioma que a marca nos apelidos?
– “Galleguito que naces, te guarde Dios: / una de las dos Galicias / ha de helarte el corazón” –o outro desvirtúa a Machado –: Nunca tan dividido che estivo o país. Nunca idiomas tan próximos tanta guerra sufriron.
Entran no ascensor enleados na cuestión do “Ecce Homo dos idiomas” e derivan nas experiencias familiares: o xogo de linguas que fixeran cos fillos, o salto do galego ao castelán con que os educaron, na idea de que as falas son regras que se aprenden; e, cantas máis, mellor preparación para seguir aprendendo. Botan contas dos idiomas que manexan entre eles e as familias. Ao patrimonial e o do Estado suman portugués, francés, italiano, inglés, dinamarqués, mesmo eñepá.
Recoñecen ser tropa rara. Mais tamén que ao neto da veciña convencida da inutilidade do galego conviría ensinarlle algún día a dicir “cigüeñal” na lingua técnica do Brasil, potencia enorme. Dise, “cambota”: nada máis galego ca unha viga de lareira.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/02/2009]

Share

2 Comments

  1. Como me soa a min esa conversa das dúas mulleres do relato. Dame que son unhas veciñas que teño pretiño da miña casa.
    ¡¡Que grande eres Xabier, Dn. Xabier mellor dito. Ainda lembro aquela conversa que escoitei cando entraba por casualidade no seu despacho oindo…
    ¡¡Meu señor, meu coronel!! con un acento ma-ra-vi-llo-so… Ainda non sei moi ben porqué Xico tivo que morrer asi…
    ¡¡Que grande éres!! Perdoe vostede o atrevemento e as faltas de ortografía. Turnes

Comments are closed.