«Lobby» en Bruxelas (A voo de tecla, 28/02/2009)

En Bruxelas os galegos matan saudades en restaurantes portugueses. Na Rue des Deux Eglises hai un par deles con sona. Para achegárselles cómpre pasar pola delegación do País Vasco, branca e con enorme ikurriña.
Nun deses restaurantes xúntanse funcionarios galegos da Comisión Europea e representantes das consellerías. Conversan co dono do negocio sobre grelos e chegan a unha conclusión: a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cerne da Gallaecia, debe ter bandeira verde clara, cor de grelo; ou verde clara, verde escura e amarela, de grelo e toxo, o que define país sen escusa.
Feito o acordo, fálase das eleccións –galegas e vascas– e da teima de facer “lobby” en Bruxelas. Alguén recorda que un galego en alto posto da Comisión repite que, como apañe alguén facendo “lobby”, mándalle o sarxento da Garda Civil da súa vila. Non valen trapalladas. Só xogo limpo: a Comisión ten mecanismos de atención dabondo para que as rexións (entidades subestatais) poidan expor necesidades e sapiencias para concursaren aos proxectos europeos. Os funcionarios agradecen que se lles suxiran ideas, os comités están para escoitar. Ora, a relación humana é importante. Facer as cousas na web é só para o final, para presentar propostas a concurso.
O problema xeral de España é que se confunde o tal “lobby” con presenzas e relacións. ¿Por que a vasca salienta en Bruxelas entre as rexións españolas? Porque se anuncia con ikurriña e taberna típica, presentacións e visitas. Déixase ver, vascamente: é moi efectiva.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/02/2009]

Share