Enxeñeiras emprendedoras (A voo de tecla, 06/02/2009)

A fins do 2008 a Comisión Europea convocou en Lyon os interesados en presentaren propostas de proxectos para a chamada “sociedade da información”. Na cidade do Ródano, bela e coidada, confluíron empresas, institucións e expertos, non só europeos.
Alí, un norteamericano con obrigas en Europa alertou sobre a necesidade de que os estudantes de carreiras técnicas adquiran coñecementos de negocios, de que se hibriden na universidade e non se deteñan na pura enxeñería. Aínda máis, recomendou que esa enxeñería orientada aos negocios non fique unicamente para varóns, senón que nela entren as mozas con todas as súas capacidades. Finalizou convidando a Unión Europea a fomentar nas rapazas o amor aos negocios tecnolóxicos desde o bacharelato.
A presenza galega en Lyon estaba ben equilibrada en canto a sexos: metade e metade, e, dentro da feminina, dúas nais de familia e grávidas. Esta situación repetiuse en Budapest, cidade do Danubio, a comezos do 2009. A nova convocatoria da Comisión era un bazar de ofertantes de propostas; o frío, maior có de Lyon (baixaban o río placas de xeo coma camalotes, con pólas e follas); a asistencia galega, outra volta a metades, con algo de gravidez. Polas rúas con edificios rotosos de Buda, nos hálitos conxelados das enxeñeiras emprendedoras galegas pairaba un grande problema: mentres elas fan negocios, ¿quen lles terma dos cativos? Non abonda coa retórica resesa da “conciliación”. A sociedade non pode prescindir dos seus cerebros (e os fillos, tampouco).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 06/02/2009]

Share