De Xerusalén á Patagonia (A voo de tecla, 13/01/2009)

Incorporouse hai pouco ao corpus literario galego un libro impar en moitas literaturas: Fin de século en Palestina, do Miguel Anxo Murado. Este xornalista, personaxe que de crónica intraliteraria, conta polo miúdo as experiencias de cinco anos na chamada Terra Santa, algo que se albisca viaxando por alá só cinco días. A súa crónica vital, vivencial, intensísima, ten abondo de Kapuszinski en mestura con Eça de Queiroz. Aos horrores que viviu (e que lle puideron custar decote a vida), o Murado engade técnicas xornalísticas do polaco e humor galaico do insuperable autor de A Relíquia, romance condenado ao índice pola Igrexa de Roma.
Miguel Anxo resume todo no comezo da páxina 364 da obra que lle publicou Galaxia: “Este país non ten remedio”. E foise de alá; e agora anda pola Patagonia e a Terra dos Lumes, onde tanto galego andou (e xa morreu, despois de se mofar do Bruce Chatwin, “un inglés parvo que facía preguntas”). Non se sabe se entre as crónicas que dá para La Voz e o que lle ficou nos cadernos de viaxe consta o Plan Andinia, do que se escoita falar polas “paisaxes eternas” –como as definiu Darwin– do Cono Sur.
O feito é que cando a Palestina está a rebentar –de escándalo para o mundo–, sempre xorde a pantasma das emigracións masivas a unha terra despoboada. Seica o Plan Andinia é un recurso final: nas inesgotables belezas patagónicas nada impide reconstruír Xerusalén segundo os arqueólogos, a Xerusalén dos tempos en que só existía Xeová, antes de xurdiren Deus e Alá.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/01/2009]

Share