De Polonia a Babilonia (A voo de tecla, 05/01/2009)

Pasa un ano, imos entrando noutro e as polémicas seguen. Tal é o caso de Boloña, cidade natal de Marconi, o premio Nobel xenio da radiocomunicación. Durante os finais de 2008 La Voz de Galicia deu cancha a distintos e asisados opinantes sobre o que significa o nome da cidade italiana coa universidade máis antiga da Europa: un sistema de educación común que permita aos titulados polas universidades da Unión faceren carreira onde lles cadre ou lles pete.
A confusión ao respecto é grande. Maniféstanse en contra do “proceso de Boloña” os estudantes universitarios; mais a protesta ultrapasa o ámbito do campus, sae á rúa na voz de cativos de instituto e velaí a anécdota: en calquera cidade española, os xornalistas veñen descubrir que os estudantes de bacharelato se manifestan “contra Polonia”. Aínda máis, isto dá lugar a unha preocupación social que certo representante da cidadanía na bisbarra transmite ao reitor máis próximo: “¿Y qué es eso de Babilonia que chillan los chicos?”
De Polonia a Babilonia faltou Colonia; pero, como apuntaba un colega do interrogado en col da cidade dos xardíns marabillosos, “É difícil que os rapaces de bacharelato hoxe saiban que Colonia é unha cidade. O termo sóalles só a auga perfumada.”
Velaí, se cadra, o miolo do problema: nunha Europa aberta, de títulos homologados, o acceso ás universidades vai esixir coñecementos que en España son fracos: os de xeografía europea e linguas do Continente (os galegos, por exemplo, nin sequera dominan o portugués).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 05/01/2009]

Share