Os límites da Europa (A voo de tecla, 09/12/2008)

Camilo Nogueira estivo en Bruxelas e presentou dous libros de contido explícito no título: Europa, o continente pensado e Galiza na Unión. A porta atlántica. O acto tivo lugar na “Livraria Orfeu” que rexenta un portugués consciente da súa galeguidade, Joaquim Pinto da Silva.
Da galeguidade común falouse moito, con rico fraseado entre o Nogueira e un asistente á presentación, nado en Mozambique e criado no Algarve. A galeguidade é carácter que atinxe catro continentes. Galicia non é unha rexión perdida na constelación dos entes menores europeos. Ficou claro.
Mais houbo outra parte do discurso que produciu forte impacto na Orfeu: sobre os límites da Europa. Polonia e a República Checa, permitindo a ameaza americana dos mísiles contra Rusia, ¿deben manterse na Unión? ¿Que fan na Unión países tan desorganizados coma a Bulgaria ou a Romenia? ¿Que inconveniente hai para os rusos se uniren ao resto dos europeos? Nogueira di que andando o Vello Continente un percibe o algo especial que nos asemella e une, mesmo cos rusos.
Entón veu a pregunta sobre a adhesión da Turquía. Iso –respondeu o ex deputado– é un empeño inglés, para atrasar ao máximo a unión política da Europa. Inglaterra só pensa en Europa como zona de libre mercado.
Certo, comentan uns asistentes. De Gaulle non quería os ingleses connosco, polos soños imperiais deles. Quizais agora, cando o brillo da libra amortece por culpa do dólar murcho, seu curmán, comecen a ver mellor o euro e admitan pór límite –europeo– á Europa.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/12/2008]

Share