Frank Pais, castrista mártir (A voo de tecla, 22/11/2008)

Aínda entre ecos da presenza da Literatura Galega na feira da Habana, naquel triste trópico batido polos furacáns avanzan as preparacións do cincuentenario da Revolución. Hospitalizado o Fidel, han saír ás rúas de toda Cuba os espectros dos que se inmolaran por un ideal que, probablemente, non verían cumprido.
Tal é o caso do Frank País, con acento erróneo no “i”, personaxe a salientar na galería dos máis curiosos. Abonda con ler “Frank País, un líder evangélico en la Revolución Cubana”, de Juan Antonio Monroy, para imaxinar moito do que non se conta en col de quen aparece como efixie de uso interno, non exportable coma o Ché.
Frank era fillo de Francisco Pais, pastor protestante nado en Marín. O rapaz, como os irmáns e moitos fillos de galegos, entrou na guerra oculta contra o Batista. E nela caeu, sendo guieiro máximo da guerrilla urbana mentres o Fidel andaba agachado na Sierra Maestra.
Os administradores de feitos revolucionarios cubanos seica se enfadan se alguén lles di que Pais, como Páez ou Paz, queren dicir “fillo de Paio” e nada se relacionan con “país”; que Pais é un apelido de pura estirpe galaico-portuguesa…
Velaí unha reivindicación máis da galeguidade espallada polas Américas. E unha observación: algúns dictadores tiveron a fortuna de que os seus posibles competidores caesen oportunamente. A Castro furáronlle a tiros o Frank Pais; como a Franco lle fusilaron o Primo de Rivera. De non teren tido esas sortes, a se ver como terían sido os seus mandatos á forza.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 22/11/2008]

Share