Da pementa ao pemento

A pementa e o pemento na Cataluña chámanse pebre e pebrot; na Francia, poivre e poivron; na Romenia: piper e ardei, nomes moi diferentes aos de Galicia, Portugal e a Castela. O normal sería que no occidente ibérico se lles chamase coma en Cataluña, pois o acusativo de piper é piperem, de onde evolucionaría cara a pipre, a pepre e finalmente a pebre. Mais seica, en latín, pigmentum tamén se utilizaba para os condimentos.

O plural de pigmentum é pigmenta, e o resto é cousa da imaxinación: pementa, pimenta e pimienta chamábanse así polas cores vivas das boliñas que viñan nas caravanas atravesando mares e desertos do leste. Os súbditos dos reis de Portugal e da Castela quixeron ir acadalos polo oeste cando se decataron de que a Terra era redonda. Así descubriron as Indias Occidentais e, nelas, uns froitos coloridos e picantes que -para distinguir- nomearon en masculino e espallaron por Europa, África e Asia.

[La Voz de Galicia, 04/08/2018]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*