Naipaul na Arxentina

O pasamento de Vidia Naipaul mereceu en La Voz un belo obituario firmado por Xesús Fraga, grande coñecedor da literatura feita en inglés. Esa homenaxe xornalística ao premio Nobel caribeño, xunto co eterno desconcerto da Arxentina, dan para ollarmos cara a un aspecto peculiar de quen foi chamado The Black Knight (o Cabaleiro Negro) por unha das comunidades humanas máis esquizofrénicas do mundo.

Fórmana os anglos, abreviatura de angloarxentinos, que foran poderosos, ao punto de teren xornal de grande tiraxe nos seus tempos de gloria, The Buenos Aires Herald. Esquizofrénicos -pois ser «inglesito» e crioulo ao tempo é imposible-, racistas coma ninguén -sempre a ollar con noxo para os indíxenas que os servían-, aceptaron mal que un moreno como o escritor de orixe asiática criado no Caribe fose amante dunha dama de pel leitosa da British Community.

O escándalo foi manifesto; se cadra Naipaul detectou como o rexeitaban e respondeu cun dos seus textos máis punxentes, The Return of Eva Perón. Nel cualifica a Arxentina como land of plunder: terra da pillaxe.

A Arxentina non funciona porque tanto británicos coma galegos (e todos os demais do aluvión inmigratorio) se acrioulan e acaban pillando. Velaí o que Vidia Naipaul sintetizou, ben informado pola señora que llo explicou en inglés.

[La Voz de Galicia, 22/08/2018]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*