“Une langue vivante” (A voo de tecla, 02/11/2008)

O Pen Clube de Galicia organizou a II Bienal de Literaria Internacional, desta volta dedicada ás voces de África e Asia. Na xornada inicial brillou a verba do Gao Xingjian, galardoado co Nobel, que se expresa en francés pois na China fora estudoso desa lingua -en que tanta Literatura Universal se fixo- e chegou á liberdade no exilio de París. Falou de sermos libres a través da escrita, dos deberes do escritor co pobo ao que pertence; e agradeceu a posibilidade de coñecer Galicia, de entrar en contacto cos que defenden “une langue vivante”.
Quizais os escritores convidados polo Pen Clube procedentes de lonxincuas terras e que usaban o inglés e o francés como falas de aproximación á realidade galega tamén levasen a impresión de que o galego é unha lingua viva, polos libros, pola TVG, polos carteis… Mais os que viñan falando portugués ou mesmo castelán (había algún representante da Guinea Ecuatorial) tal vez se decatasen da febleza da lingua que “aínda” vive. No seu percorrido pola terra onde xermolou un idioma que se estendería por catro continentes, se cadra cruzáronse co autobús de Galicia Bilingüe e puideron preguntarse que está a pasar aquí.
Pasa que hai galegos dispostos a dividiren o país en dous, con dúas falas; que negan topónimos e apelidos, renegan da fala dos avós e gustarían de escolarizar os fillos nunha lingua tan “familiar” coma o inglés.
Cumpría coñecermos as percepcións dos literatos iberofalantes da Bienal: vermos o propio con ollos alleos sempre foi instrutivo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 02/11/2008]

Share