Transnistria: un pesadelo

Este enclave ruso sitúase entre dous países dispostos a sumarse á UE, a Moldavia e a Ucraína

Transnistria (‘alén do río Dniéster’) é o extremo oriental da latinidade, reprimida, obrigada a mostrarse con grafía cirílica. Semella unha cápsula de espazo e tempo ao longo da vea de auga que obsesionou aos imperios ruso e otomán, e o Terceiro Reich. Pasar o Dniéster foi, e segue a ser, obsesivo. É a única república no mundo onde se mantén a bandeira vermella coa fouce e o martelo (e unha faixa verde, quizais para disimular), onde Lenin e Stalin vixían desde mil retratos.

Esta república de facto, que só recoñecen formalmente outras tres coma ela, Abkhazia, Artsakh e Osetia do Sur, foi parte da Moldavia, da Besarabia, da Ucraína, da Romanía… Hoxe parece constrinxida á ribeira oriental do Dniéster; mais ten algún territorio ao oeste do río en canto a Moldavia se mete na banda oriental. Culpa disto foi unha guerra da que os moldavos non queren falar. A Transnistria é un enclave ruso entre dous países dispostos a sumarse á Unión Europea, a Moldavia e a Ucraína. Un movemento moldavo, Unire, pretende a integración na Romanía; a capital da Moldavia, Chisinau, apareceu engalanada coas bandeiras da UE no día da Limba Noastra (Lingua Nosa).

De Chisinau a Tiráspol, capital da Transnistria, viáxase nun tren que abanea entre campos de xirasol, millo e vide. Se na capital moldava non faltan letreiros en ruso, desde a estación de Tiráspol en diante todo está en cirílico, salvo o formulario -en inglés- do pase por un día ou o nome dun establecemento de lecer, Mafia. Tamén chama a atención a estrela de cinco puntas rematadas en circuliños das películas americanas, a do shériff. Ese nome, en latino e cirílico, repítese por supermercados, gasolineiras, a compañía de teléfonos móbiles, tendas de coches, empresas de radio e televisión, un equipo de fútbol… Case todo na Transnistria é da Sheriff, que fundaron dous homes dos servizos de seguridade («e o resto dos negocios -óese- son rusos»).

No limbo

Guerra e mafia. O limbo transnistrio vive en paz vixiada pola OSCE e o Exército ruso como «garante» dela. Ese exército tiña 40.000 toneladas de armas e municións na rexión cando caeu a URSS. Canto diso foi ao mercado negro? Canto se empregou na guerra contra os unionistas moldavos?

Tiráspol ten unha catedral de estética rusa, con moitas mulleres a bicar iconas, a cabeza envolta en panos longos. O Parlamento é un impresionante edificio soviético ás costas dun Lenin de capa ao vento. O concello segue na mesma liña. Impresiona o monumento aos (moitos) transnistrios caídos na aventura bélica da URSS no Afganistán. Edificios de vivendas de calidade ruín, mal conservados, contrastan coa grandiosidade dos públicos. A Sheriff constrúe vivendas de luxo e un grande hotel.

É o Día da Independencia. Preto da avenida onde se vai realizar a parada militar, un vello T34 soviético, coas gomas das eirugas roídas, lembra a xesta da URSS contra os nazis (alemáns e romaneses). Os nenos trepan por el. Este ano non van desfilar tanques, pois, seica, cómpre aforrar o combustible. A avenida énchese de tropas. A tribuna ínzase de uniformes e sotanas, incluída a do bispo ortodoxo con mitra. O altofalante dá as ordes de rigor e comeza o desfile. Sobre o marchar das tropas aguerridas (mulleres e homes), trona unha voz en ruso: «A patria está rodeada de inimigos, cómpre defendela…».

Os rusos son maioría escasa na Transnistria, o 34 %. De que vive esta rexión, moldava nun 32 %? Do aceiro, dos téxtiles, algo da agricultura… e da enerxía. Nela concéntranse o gas ruso (vense tubaxes enormes por todas partes) e a produción de enerxía eléctrica con destino aos países veciños, deficitarios. Seica Putin non cobra o gas ao Goberno secesionista, mais este cobra a electricidade aos seus «inimigos».

Cal pode ser o futuro da Transnistria se a bandeira azul con estreliñas da UE se asenta na Moldavia e na Ucraína? Cousas veremos. O regreso a Chisinau faise en taxi, sorteando barreiras policiais, mostrando salvocondutos. En certa maneira, cando aparecen os letreiros latinos, en moldavo-romanés, o viaxeiro séntese a espertar dun pesadelo.

[Xavier Alcalá  ]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*