“The making of” no Ateneo Ferrolán

Man Castro: “Esta tarde asistín no Ateneo Ferrolán á presentación da novela de Xavier Alcalá “The Making Of”. No acto participaron Francisco Castro, director xeral de Galaxia, editora da obra, e Julia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, que colaboraba neste acontecemento literario. É unha novela que nace de feitos reais, segundo explicou o autor, que tamén dixo que era unha obra “moi pecadosa”, avalando as palabras de presentación de Xulia Díaz que utilizaba o adxectivo de “sórdida”. Neste traballo Alcalá traza o retrato dun emigrante delincuente no Buenos Aires da década de 1930, xogador e servidor de “casa de tolerancia”, colaborador de círculos de apoio ao Terceiro Reich na cidade de Comodoro Rivadavia durante a Segunda Guerra Mundial. Son unhas cincocentas páxinas que enguedellan ao lector “na que é a aventura oculta da emigración galega na Arxentina”, refire o texto da contraportada do libro. Xulia Díaz salientou a maxia que exerce Xavier Alcalá nesta narración co extraordinario dominio da lingua galega. Ao remate tivo lugar un coloquio.

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*