Nunha soa facultade (A voo de tecla, 09/10/2008)

A implosión demográfica en España levou o ensino primario e o medio a extremos que conducen o superior ao naufraxio. Vimos de escoitar os reitores galegos a se laiaren por falta de cartos para os templos do saber supremo, mais pouco escoitamos do outro mal que ameaza eses templos: a ignorancia dos catecúmenos que a eles acceden.
Cando en España se vivía o absurdo de que os pais nin lle sabían o nome a cada fillo –pois tantos tiñan–, un rapaz valía moito menos que no presente, en que os pais a penas han de lembrar un par de nomes (se non lles abonda con un, ás veces de exótica procedencia). Por iso, neste país de bandazos e afociñamentos, someteuse os estudantes a unha carreira de obstáculos ata chegaren á universidade e agora déixase que se vaian coando curso a curso ata a peneira da selectividade (que máis semella paxe ca peneira).
A un neno de dez anos facíaselle examinar de ingreso no bacharelato; despois, segundo medraba, sufría dúas reválidas; e, de mocete, o preuniversitario. Os profesores de escolas técnicas e facultades podían recear de que os sobreviventes que pisaban o campus mesmo lles puidesen pisar a eles os calos da sabedoría.
Hoxe, non. Hoxe entran moitos mozos na universidade sen habilidades sequera para mostraren a súa escasa bagaxe cun idioma formal, e menos coa linguaxe matemática. Quen tenta ensinarlles logo ha de perder o tempo en explicar o que daba por sabido; e chega a preguntarse se todos os merecentes de estudo superior non collerían nunha soa facultade.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/10/2008]

Share