Armando Requeixo falou sobre “The making of”

Letras austrais

nordesia alcalaBalaceras, sexo prostibulario, naipes e dados letais, espionaxe e contubernios, carto a correr de man en man manchado de sangue, nazis ao asexo e emigrantes galegos enzoufados na canalla máis xebre definen a avolta escenografía na que se desenvolve The Making of, novela de Xavier Alcalá acabada de saír do prelo de Galaxia.

Intriga ben trenzada, acción sen límite e bo traballo na definición caracterolóxica e epocal fan desta narración un título máis que atraente sobre a nosa epopea austral.

Porque en Alcalá temos un dos nosos máis destacados e, tamén, constantes cultivadores da escrita do heroico éxodo galego ao Novo Continente. O seu americanismo, arxentinismo e ata patagonismo vén de vello e aí os están para demostralo títulos como Nos pagos de Huincaa Loo (1982), Latitude austral (1991), Contos das Américas (1990), Viaxes no país de Elal (1992) ou Argentina (1993), obras coas que a presente novela garda unha indubidable relación de familia.

Teño escrito nalgunha ocasión que a prosa de Alcalá é ourivería fina no deseño de personaxes e na recreación de ambientes, que a súa é unha estética de período vizoso pero depurado, pleno de diálogos, pasaxes evocadoras e treitos reflexivos que conseguen atrapar o lector na esencia reveladora dos mundos creados. Confírmome nesa opinión e abundo nela tras a lectura deste The Making of, intenso relato que retrata coma poucos un mundo gobernado polos máis baixos instintos, a paixón desmedida, a ambición sen límite e os excesos amorais.

Un escritor dedicado á enxeñería ―concorrencia ben deliberada― vese obrigado a compracer un amigo que desexa saber que foi dun seu avó emigrado á Patagonia. Tirando deste fío, o protagonista aproveita ter que viaxar á Arxentina para indagar no suceso e chega a saber que o avó do seu amigo morreu en estrañas circunstancias a principios dos anos 40. A partir dese momento iniciará unha investigación axudado por outro bo amigo, un xornalista galego residente naquel país, para acabar descubrindo toda unha trama na que teñen o seu papel os círculos de apoio ao Terceiro Reich, as camadas máis sórdidas e violentas do Comodoro Rivadavia daqueles anos e o amor tóxico entre Alfredo Mosquera alias Coghomelo, alias Gallego Cojo, alias Gallego Mosca e a resoltísima chilota Balbina Enríquez.

The Making ofO retrato deste Sur arredado, deste salvaxe oeste suramericano que tantos emigrantes galegos axudaron a poboar, mergúllanos nun mundo no que os códigos de comportamento responden tan só á supervivencia máis instintiva, onde non hai lugar nin para a saudade nin para a melancolía meliflua e onde o diñeiro ás mancheas, a abusiva posición de forza e a satisfacción dos máis viles e inmediatos desexos son a única lei.

Xavier Alcalá achega en The Making of unha brutal recreación do lado menos admirable da nosa emigración, rabioso compendio de delincuentes e renartes, contrabandistas e matóns que viviron outras américas, moi afastadas da estampa feliz do indiano triunfador.

O protagonista desta novela confesa nun determinado momento vivir fascinado polos feitos que anda a descubrir, ata o punto de que cede á “teima literaria” que asolaga a súa cabeza: a de escribir, inspirado por estes, unha novela á que chamará O boliche da lobería, narración “de misterios, intrigas e mesmo mortes: unha infinita estrada de pedregullo no deserto, un lugar afastado, unha construción de lata xunto ás instalacións camufladas dun centro de apoio á Mariña do Reich no Atlántico Sur. Nunha atmosfera espesa, homes de todas as laias e nacións divertíndose ou aparentando facelo”. Síntese óptima, persuasivo convite á lectura.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 29-7-2018]

Cf. Criticalia, de Armando Requeixo

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*