Santamarina e Rosa Díez (A voo de tecla, 25/09/2008)

En tempo treboento, o Club Financiero de Vigo perdeu a ocasión de vender aos foráneos a grande vantaxe de aprender galego: a lingua patrimonial de Galicia é un idioma-ponte dos que sinalou o señor Bahíllo. Ben coñecido, permite proxectarse en catro continentes, nun mundo de máis de 200 millóns de falantes que presiden o Brasil e Angola.
E cando se estaban a cruzar lóstregos a prol e en contra do CFV, veu a Rosa Díaz sementar en leira allea, cavada polo autodesprezo. Con atrevemento fillo da ignorancia, a vasca aglota deu en falar da identidade dos galegos.
Batía o temporal na costa mentres ela tentaba captar adeptos co seu feitizo de meiga uniformizadora, mais na Terra Cha reinaba o sol entre nubes. En Guitiriz homenaxeábase a Antón Santamarina, primeiro presidente das Mocidades Galeguistas de Bos Aires. Santamarina, nado en Melilla, criado en Guitiriz e na Coruña, emigrado a Bos Aires, retornado á Coruña onde exerceu de tradutor, é home de varias patrias, de idiomas e falas que van do árabe ao lunfardo. En Guitiriz asegurou que se lle pode querer a todo, e que a galeguidade é unha condición universal.
Mágoa que os empresarios de Vigo non reclamasen máis galego, mesmo “reintegrado”: se fosen flamengos non dubidarían en vender a proximidade do seu ao holandés. Mágoa que a Rosa Díaz non puidese escoitar o “¡Viva España!” de Suárez Picallo na República segundo o contou Pousa Antelo, quen presidía o acto de Guitiriz aos seus lúcidos 94 anos… Unha dobre mágoa en tempo de trebón.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/09/2008]

Share