A morte da radio (A voo de tecla, 31/08/2008)

“A radio” foi unha invención derivada doutras, a radiotelegrafía e a radiotelefonía. Daquela non se albiscaba radiodifundir palabra e música: para iso estaban os xornais e os gramófonos.
A radio medrou sen parar, con receptores de válvulas que consumían moita enerxía eléctrica. Despois xurdiron os transistores e os circuítos integrados: os aparelliños de radio funcionaban con pilas, mesmo embutidos noutros aparellos coma os teléfonos celulares.
A radio andaba sempre connosco. Por andar, chegou a meterse na web e aí as cousas comezaron a mudar. Porque, ao estaren arquivados os programas nos servidores da rede, a xente podía escoller o momento de escoitar o que lle interesase.
Aínda ben que sempre ficaría a radio “quente”, para informar de inmediato. Pensouse que tal condición fose manter o medio como fora concibido. Mais o mundo vai polos camiños que marcan a xente nova e os seus costumes.
E iso é o que ten preocupados os empresarios da radio: os rapaces só queren saber do teléfono móbil de uso múltiple sen receptor de radio, e dos reprodutores de son con moita memoria. Se devecen por algún treito de programa radiofónico, descárgano da rede e xa o escoitarán.
¿Non lles importa a noticia segundo xorde? Seica non. As enquisas din que, como moito, indican na pantalla do dispositivo que teñan á man o seu interese polo aviso telegráfico, escrito, dalgún tipo de noticia. E deses datos deducen –e pregoan– os expertos que a radio en directo é cousa de vellos, a morrer con eles, sen remedio.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 31/08/2008]

Share