En memoria de Manuel Antonio (Cholo) Rei Flórez

Entre escritores xorde unha tendencia frecuente: a de imaxinar personaxes coas características de persoas coñecidas. Por veces, axústanse contas con compañeiros da vida dos que non gustamos. Outras, retrátanse amigos queridos coma personaxes.

Alén da desventura é unha novela chea de amigos –e non tan amigos– do século XX personificados como suxeitos do século XVIII. A un deles –que xa non é deste mundo– veulle preguntar un alumno se “era” o personaxe que mesmo se apelidaba coma el. Nesa novela usábase o recurso con abundancia, e produciu un efecto de grande afianzamento de cariños (e de distancias cos que se consideraron maltratados).

The Making of comparte con Alén da desventura ese xogo. Mais, como a novela é a “historia de como se puido escribir unha historia”, hai personaxes de dúas realidades. Na primeira, a inmediata, salienta con forza o Cholo, un xornalista que vai facendo as descubertas fundamentais para reconstruír a vida do Coghomelo, protagonista da segunda, que transcorre moitos anos antes. O retrato do Cholo só pode ser o de Manuel Antonio. El é o coautor: personaxe do making of, figura fulcral, arredor da cal todo se balancea.

O Cholo iniciou vida na Coruña, na rúa de San Pedro, nos tempos en que a Longa Noite de Pedra se consolidaba, cando a Franco os Aliados xa o consideraban un mal menor; e fóisenos hai uns días en Comodoro Rivadavia, no outro lado do Atlántico, ao Sur do Mundo. El non quixo emigrar: era bailarín do Ballet Rey de Viana, tiña formación para levar unha vidiña xeitosa: técnico electricista e danzante, pandeireteiro, gaiteiro… Pero a súa familia estaba moi marcada por roja. Había que emigrar, e escolleron un lugar de moitos galegos, un deserto do que manaba petróleo.

Na “capital do vento” da Arxentina, o Cholo foi técnico, folclorista e xornalista. Mais, e sobre todo, galeguista. Pasou unha vida a demostrar que calquera “gayego pata sucia” podía ser traballador, honrado e orgulloso da súa nación. Por veces quebrábao a saudade e, daquela, abría unha saqueta onde gardaba “terra da Torre (de Hércules)”, mollaba o dedo na lingua, tocaba a terra, levábaa á boca, e “paseaba” pola Coruña.

Grandísimo amigo, funo retratando en Arxentina (Ed. Xerais), Argentina (Ed. Anaya), Viaxes no País de Elal e, finalmente, en The Making of. A súa morte deixoume sen aquel tipo que sabía o que fixera cada galego invulgar, cada persoa boa ou ruín da diáspora infinita. Dos galegos na Patagonia coñecía todo; dos da Arxentina, case todo. Dos das Américas, moito. E tamén dos de Galicia, da que nunca se afastou máis que física e temporalmente.

A última vez que andamos xuntos por Comodoro Rivadavia xa se instalara alá o inverno austral (era no mes de abril, a 46 graus de latitude sur). Nas esquinas agarrabámonos para que o vento non nos derrubase, e aguantabamos folerpas de neve que doían na cara. No xornal El Patagónico fixéronnos unha entrevista na que adiantamos o que viría ser The Making of. Non lle contamos ao entrevistador a estrutura do texto mais si a súa substancia. E o Cholo calou como fora obtendo a documentación policial e xudicial con que estabamos a construír a ficción. Só un xornalista de investigación coma el sabe como conseguir o que a outros lles escapa. E as maneiras de pagalo.

O Cholo, cuxo nome fai vibrar corazóns, durante case seis décadas xuntou documentos en todo soporte dabondo para contar unha densa Historia da Emigración Galega á Patagonia. Sería un labor de xustiza que tanto galegos coma patagónicos puidesen dispor do que Manuel Antonio Rei Flórez sintetizou en artigos e programas de radio, alén dos materiais que usaba para textos e guións…

En fin, gloria haxa quen tan intensamente viviu; a quen faltou tempo de vida para encher todos os seus desexos de aprender e de narrar.

[Editorial Galaxia, 19/07/2018]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*