Dar o peito (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/11/2001)

Que a fala vasca é única ben se sabe; mais que ás veces palabras desa fala, sendo iguais ás das romances próximas, significan algo moi diferente xa non se coñece tan ben.
Tal é o caso de “pago”, para nós “lugar” e para eles “faia”, a árbore. “Pagokia” é “madeira de faia”, coa que fan concursos de machado. “Pagadi”, “bosque de faias”.
En día de sol, entre faias arrubiadas polo outono avanzan os apañadores de cogomelos, dobrándose sobre os felgos que se douran.
Fálase de tempos que alá van: contan dun capitán da Garda Civil que daba o peito de uniforme, con pistola e fusil de regulamento, prontas armas, dous ollares adiante e outro atrás.
Deixou claro pola vila que o uniforme verde era un orgullo para el, e un instrumento de mantenza para a familia. Por tanto, non se ía ocultar.
Ata que o mando o destinou lonxe…
Hoxe lamentan o asasinato vil, polas costas, de dous membros da policía autónoma. Ollando con coidado os cogomelos, distinguindo os bos dos velenosos, pensan nos que non levan uniforme verde de “invasores”. Visten da cor que impuxo o Estatuto.
Pero tamén os matan.
Os vascos van cara a fóra de calo e non saben nadar na nova “carlistada”.
Nos seus mitos está que nunca tiveron raza de xudeu, cando toda España é patria de expulsos ou marráns sen nariz aquilino, queixo agudo e testa deitada para atrás.
Pero non é como eles contan. Arzalluz podería ser un grande rabino sefardí. Ibarretxe, un enxeñeiro con chave de casa en Toledo.
E todos van acabar armados, cainitamente, como os israelís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*