Prisioneiros (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/11/2001)

Desde que hai televisión vía satélite observo o mundo a través da fiestra informativa da CNN. Tamén son subscritor da revista TIME desde hai décadas. Entre as dúas fontes vou compondo as realidades que me fican lonxe.
A CNN ofrece a noticia en quente e TIME dá a versión reflexiva, de xornalista ou de ensaísta. Unhas veces é o servicio televisivo da Time-Warner o que indica a substancia de fondo e outras é a revista a que marca pautas para as próximas novas.
A pasada semana lin en TIME unha reportaxe a cerca dos prisioneiros da chamada Alianza do Norte que aclaraba o porqué o emperador Bush II falou dunha guerra longa, a que seu pai, Bush I, comezou sen rematar.
Barbudos e farrapentos, vencidos por quedaren sen balas nin granadas con que seguiren matando, eran conducidos ao encerro, e alí mortos en masa como bestas daniñas coa escusa de non seren naturais do Afganistán.
Antonte vin completarse a traxedia diante das cámaras da CNN.
Un prisioneiro talibán respondía a un xornalista americano con serenidade:
–Entregámonos –dicíalle– porque non puidemos tirar a vida. Os americanos pensades que con cazardes o Bin Laden todo vai acabar, pero o Osama só é un símbolo. Sen el, a guerra vai seguir. Sen nós, seguirá a guerra, ata a destrución dos Estados Unidos. Nin el nin nós a veremos, pero na Irmandade Musulmana estamos moitos millóns. Moitos máis dos que xamais vós poidades matar.
E dicíao con tal convencemento –o de quen ten todo perdido no Aquén– que convencería a calquera telespectador.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*