Trece días (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/11/2001)

Nós, daquela, naceramos baixo o símbolo atroz do Fungo, o de Hiróxima e Nagasaqui, o de tantas explosións que, sabiamos, demostraban o poder das potencias vencedoras da Grande Barbarie.
A bomba atómica facía tremer, pero dixéronnos que a enerxía nuclear, controlada, era boa: aínda non imaxinabamos Chernobyl. Con todo, Bruce Chatwin, no seu relible e pouco veraz In Patagonia, confesa que comezou a se interesar por esa terra ignota na procura dun sitio a onde non fosen chegar as nubes radioactivas do verdadeiro Holocausto.
Nesas ideas vivía o mundo informado (nós, aquí, só polos xornais e a radio) cando a guerra fría fixo explosión. Os ianquis descubriron que en Cuba os rusos lles meteran uns foguetes que, en cinco minutos, podían matar oitenta millóns de cidadáns da potencia máis triunfadora de todas.
Algúns xa eramos mociños cando escoitamos o que estaba a suceder: a “corentena” como o goberno de Kennedy chamou ao bloqueo da illa, que xa nunca remataría. Tivemos medo, como tiñan os nosos maiores…
Veño de gozar por medio do DDV (DVD en inglés) a fabulación cinematográfica de aqueles Trece días que puideron significar a terceira -e quizais derradeira- guerra mundial.
As visións de explosións atómicas que o filme ofrece como trasfondo, fixéronme lembrar os calafríos do momento que vivín hai case corenta anos.
E de novo arrepiei ao ver como se desenvolvía a historia, manexada polos dous Kennedys despois asasinados, cunha sinxeleza de movementos que a fan verosímil.
Porque a Historia é así.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*